Discurso 40 anos

8
1 Un discurso para conmemorar corenta anos de escola 1976 - 2016 Por Antonio González López O Xestal, 16 de xuño de 2016 Ben, pois aquí estamos. Como é para min o comezo dos discursos a parte máis difícil de solucionar dos mesmos, para saír do paso, vou seguir o protocolo e por iso saúdo ás autoridades inspectores, directora, alcaldes, mais realmente, non podo senón considerar como autoridades a moitos membros deste auditorio, profesores veteranos todos. Teño que manifestar o meu máis sincero agradecemento primeiramente á dirección e aos profesores que prepararon todo para que hoxe nós poidamos celebrar aquí con gusto un acto de conmemoración de algo tan ordinario, común e inevitable como é o paso do tempo, en concreto corenta anos. Somos realmente afortunados os que estamos aquí hoxe, por poder dedicar un día do calendario ao exercicio tan san e gratificante que é recordar, lembrar os tempos pasados, dos que, por algunha razón, se adoitan destacar as boas experiencias, será porque alumean máis os momentos de ledicia que aqueles grises ou negros, polos que todos, dun xeito ou outro, habemos de pasar. Xa terán vostedes, miñas donas, meus señores, unha cousa presente sobre este día: é momento para os reencontros, para a confraternidade, para revivir e afirmar os lazos que a convivencia nas aulas, corredores e demais estancias deste Colexio se forxaron anos atrás, entre xente de todo tipo, diversa, aspecto no que reside en gran medida a riqueza da educación pública, onde caben xentes que viven distintas realidades, e que miran o mundo a todos lados, sen filtros nin reparos. Polo tanto, nestas primeiras palabras quero animar a todos os asistentes a sacar do día de hoxe a maior alegría posible, na medida en que lles agrade o acto e as palabras que algúns logramos compoñer con maior ou menor acerto, e que é algo que vostedes xulgarán, para darlle a entidade que merece, para nós, esta conmemoración. Porque corenta anos de vida, corenta anos de educación dos nenos e nenas de Monfero e Irixoa, merecen ser celebrados.

Transcript of Discurso 40 anos

Page 1: Discurso 40 anos

1

Un discurso para conmemorar corenta anos de escola 1976 - 2016

Por Antonio González López

O Xestal, 16 de xuño de 2016

Ben, pois aquí estamos. Como é para min o comezo dos discursos a parte máis

difícil de solucionar dos mesmos, para saír do paso, vou seguir o protocolo e por iso

saúdo ás autoridades —inspectores, directora, alcaldes—, mais realmente, non podo

senón considerar como autoridades a moitos membros deste auditorio, profesores

veteranos todos.

Teño que manifestar o meu máis sincero agradecemento primeiramente á

dirección e aos profesores que prepararon todo para que hoxe nós poidamos celebrar

aquí con gusto un acto de conmemoración de algo tan ordinario, común e inevitable

como é o paso do tempo, en concreto corenta anos.

Somos realmente afortunados os que estamos aquí hoxe, por poder dedicar un

día do calendario ao exercicio tan san e gratificante que é recordar, lembrar os tempos

pasados, dos que, por algunha razón, se adoitan destacar as boas experiencias, será

porque alumean máis os momentos de ledicia que aqueles grises ou negros, polos que

todos, dun xeito ou outro, habemos de pasar.

Xa terán vostedes, miñas donas, meus señores, unha cousa presente sobre este

día: é momento para os reencontros, para a confraternidade, para revivir e afirmar os

lazos que a convivencia nas aulas, corredores e demais estancias deste Colexio se

forxaron anos atrás, entre xente de todo tipo, diversa, aspecto no que reside en gran

medida a riqueza da educación pública, onde caben xentes que viven distintas

realidades, e que miran o mundo a todos lados, sen filtros nin reparos. Polo tanto, nestas

primeiras palabras quero animar a todos os asistentes a sacar do día de hoxe a maior

alegría posible, na medida en que lles agrade o acto e as palabras que algúns logramos

compoñer con maior ou menor acerto, e que é algo que vostedes xulgarán, para darlle a

entidade que merece, para nós, esta conmemoración. Porque corenta anos de vida,

corenta anos de educación dos nenos e nenas de Monfero e Irixoa, merecen ser

celebrados.

Page 2: Discurso 40 anos

2

Quixen, humildemente, elaborar un texto de maior profundidade ca este discurso

limitado polo tempo que teño, e que é realmente xusto e adecuado, pois non convén

atrasar a hora dos pinchos e da conversación, que será o que moitos xa están desexando.

Nese texto do que lles falo —que ao final saíu daquela maneira, e que teño propósito de

mellorar notablemente durante o verán, coa idea de que quizais se poida editar un

libriño conmemorativo deste cuadraxésimo aniversario— quixen, antes de entrar a

presentar en liñas xerais o que significou a inauguración do novo colexio, presentar

tamén unhas reflexións sobre os conceptos de cultura e de educación.

Comezo sintetizando o que, tras darlle moitas voltas, considerei máis adecuado

para ilustrar o significado de cultura. Que se entende por cultura? Pois frecuentemente,

de maneira errada, pénsase que é aquel patrimonio exclusivo duns poucos “culturetas”,

de altas esferas sociais, de privilexiados que se poden dedicar por enteiro a deleitarse

das máis refinadas formas culturais —poesía, arte, e o que queiran vostedes engadir—.

Pero a cultura non consiste niso, senón que é realmente o medio principal co que os

seres humanos logran desenvolver as súas vidas, dependendo dela extraordinariamente

dende as súas primeiras manifestacións que se remontan aos primeiros tempos da nosa

especie. A cultura é, xa que logo, un tesouro do que botar man, conformado polo

conxunto de solucións que o home dá ás diferentes cuestións que se lle presentan ao

longo da súa vida, dando lugar ao que chamamos formas culturais —as artes, a relixión,

a ciencia, o pensamento, a moral, a tecnoloxía, e o que quede por contar—. Teñamos

clara a idea de que non é un complemento ou aderezo da vida, é un medio de realización

da mesma, que nos asiste, tanto no gozo coma no sufrimento, e que é fundamental para

lograr sobrepoñerse ás adversidades, e conseguir vivir con enteireza e dignidade.

E que é, entón, a educación? Pois non vou dar unha definición de enciclopedia

nin de dicionario. A educación consiste na transmisión da cultura de xeración en

xeración. A través dela lógrase que os novos membros dunha sociedade reciban un

legado conformado por valores, sistemas de organización, saberes e destrezas, e por isto

é un elemento fundamental para conseguir a cohesión da sociedade e a continuidade dos

seus trazos característicos propios.

Page 3: Discurso 40 anos

3

Ben é certo que, transmitida ao longo do tempo, unha cultura experimentará

cambios, innovacións, será reelaborada por aqueles que a reciben. Perderanse certas

cousas e gañaranse outras. É un organismo vivo e dinámico. Pero volvamos á

educación. Se consiste en transmitir unha cultura entendida en sentido amplo, integral, e

a cultura dixemos que era un medio para realizar a vida, eu presento a seguinte

conclusión a modo de afirmación rotunda: educar é axudar a outros a vivir, dende o

inicio, proporcionando recursos, para a vida. E non vou referir a respecto do concepto

de educación nada máis, que ben terán vostedes ideas máis elaboradas sobre o mesmo,

máxime no caso de quen se dedicou por enteiro a esta actividade. Só engado a

reveladora máxima latina: non scholae, sed vitae discimus.

Deixando de lado o anterior, presento agora o que presumo que se espera deste

discurso, que é falar deste colexio e dar breves pinceladas sobre a súa historia. Remito

de novo a algúns escritos que fixen e que están dispoñibles en Internet e por aí, onde

puiden detallar máis o que se relaciona a continuación sucintamente:

A máis palpable manifestación do fenómeno social que é a educación, e por

ende, da cultura, nas nosas terras de Monfero e Irixoa, dáse coa apertura en 1976 e cos

seus posteriores corenta anos de actividade, dun novo colexio onde se concentraba a

poboación escolar das antigas pequenas escolas disgregadas polos territorios de

Monfero e Irixoa. Este acontecemento é consecuencia da profunda reforma educativa

que se ordenaba na Lei Xeral de Educación de 1970, promovida polo ministro José Luis

Villar Palasí, nun goberno, no franquismo, de tecnócratas de tendencia opusdeísta, e que

foi a considerada por moitos a máis notable actuación en política educativa que se levou

a cabo en España. Mirando a modelos europeos e nun contexto de profundos cambios

económicos e sociais que era o da España do desarrollismo, esta Lei modernizou un

sistema educativo que era en liñas xerais aquel cuxos esquemas establecera a Lei

Moyano de 1857, e que foi a máis destacada de cantas disposicións lexislativas en

materia de educación se promulgaron no século XIX. Estes vellos esquemas eran os que

definían un sistema de ensino primario baseado na dispersión de pequenas escolas polo

territorio, á fronte das cales estaban un ou dous mestres; era un sistema onde se

segregaba aos escolares por sexos.

Page 4: Discurso 40 anos

4

A educación mixta non se xeneralizará realmente ata despois de implantada a

nova Lei de Villar Palasí. Por outra parte, o que non había era separación do alumnado

por niveis, con tódalas limitacións que iso presentaba para o exercicio da docencia.

Así, o novo colexio do Xestal era exemplo do novo modelo de educación que se

concibiu na citada lei. Fronte ó labor individual dos mestres de escola, favoreceríase o

traballo colexiado dos claustros de profesores; fronte a un mundo escolar circunscrito á

parroquia como unidade básica onde se desenvolvía a vida tradicionalmente, o novo

centro, a onde asistían nenos de distintos municipios, dende lugares distantes,

presentaba un mundo novo onde se ampliaban as posibilidades de relación social, e

téñase en conta que cantas máis relacións, maior comunicación, maiores posibilidades

de aprendizaxe.

Construídas as novas instalacións onde outrora houbo leiras, alí labrarían parte

do futuro dos rapaces e rapazas os mestres que emprendían novos proxectos educativos

nun contexto máis favorable ca o do vello sistema, con mellores condicións de

realización profesional. Nunha entrevista que tiven a sorte de lle facer a don Xosé

García Barreiro con motivo da súa xubilación, lembro que, tras preguntarlle que sentira

ao chegar aquí, me dixo « aquí vin o mundo aberto ».

Sobre os cambios socioeconómicos aos que me refería en termos xerais para

estes anos setenta, hei de incidir na gran importancia histórica do momento, pois é entón

cando se produce a ruptura entre o vello modo de vida tradicional do medio rural

galego, caracterizado por unha agricultura de policultivo de subsistencia e por

elementos que identifican esta etapa, como os traballos tradicionais —a malla— e a

tecnoloxía tradicional, coa utilización da forza de tracción animal na labranza das terras

e dos muíños hidráulicos, iconos dun mundo que comeza a esvaecerse ao dárense os

primeiros pasos na mecanización dos labores agrícolas, ao iniciarse o camiño cara á

especialización da produción gandeira, e ao estenderse a rede eléctrica, aparecendo

novas tecnoloxías coma os muíños eléctricos ou os electrodomésticos, entre outros

aspectos que se poderían sinalar. Nesta época podemos dicir que deu Galicia un último

paso —quizais non o derradeiro— do longo proceso de tránsito á era industrial.

Page 5: Discurso 40 anos

5

Vén a conto deterse nestas cuestións contextuais porque tamén neses anos se

inicia un fenómeno importante: o éxodo rural. Estou por afirmar, e afirmo, que todos os

presentes debemos de coñecer casos concretos deste fenómeno, de xente que, nun

campo onde as pautas de vida tradicionais se vían alteradas e xa non era posible a

continuidade das mesmas, era ou ben necesario modernizarse e adaptarse ao novo

sistema agrario, ou ben emigrar á cidade na procura de novas posibilidades de traballo.

Nesta época destaca o auxe da construción de maneira xeral, e en Ferrol, o auxe da

industria naval. Este fenómeno de éxodo rural iniciábase ao tempo que entraba Galicia

na última etapa do proceso de transición demográfica, común a toda Europa occidental,

e que en liñas xerais supón, acadada unha madurez demográfica, o descenso de

poboación, se ben habería que matizar algo máis sobre isto.

A partir destes dous fenómenos, e quizais co concurso dalgún factor máis,

explícase como dende o curso 77-78, onde se chega ao maior número de alumnos

matriculados, irá descendendo progresivamente —con algunhas oscilacións— a taxa de

matrícula do Colexio, como podemos ver grazas ao traballo da profesora Ángeles, de

Matemáticas, e os seus alumnos de 4º. da ESO, que elaboraron un gráfico a partir dos

datos recollidos nas diversas actas.

Se era quizais desexable que me detivese máis nestes aspectos históricos, cunha

máis rigorosa análise do fenómeno de concentración escolar e recargando de datos esta

exposición, non o sei. Déixoo ao xuízo dos asistentes, persoas críticas, como debe ser.

Por medo a que non me dese tempo, e tamén por ceder ao impulsos emocionais, decidín

pasar a centrarme no que representa para unha persoa, coma min e coma vostedes, o

paso polas aulas do Xestal. E teño que dicir que non é doado intentar expresar de

maneira sintética esta afortunada experiencia que moitos puidemos vivir.

O que sen dúbidas nos debe de unir a todos os que estamos hoxe aquí é o

sentimento de pertenza a esta institución, como lugar onde recibimos a formación

elemental ou como lugar onde moitos realizaron parte ou gran parte da súa vida

profesional. A todos nos vinculan as experiencias compartidas no proceso de ensinanza

- aprendizaxe, nunha convivencia harmónica que determinou o éxito do labor educativo

deste centro no seu percorrido ao longo dos anos.

Page 6: Discurso 40 anos

6

O que pretendo expresar requiriría quizais un gran detemento, e en

consecuencia, máis páxinas de discurso e máis tempo, que non convén gastar. O paso do

tempo, que corre, é o paso da vida. Así pois decidín tomar outra sentenza latina, esta vez

non clásica, senón medieval, nunha metáfora que persoalmente me pareceu fermosa

para entender o que é o paso da vida, e en especial que é a educación como transmisión

da cultura e como unha sorte de carreira de relevos entre as xeracións. Pensei tamén que

lle gustaría a Pilar, por ser unha metáfora deportiva, e que valerá tamén para aqueles

que xunto a ela marchan este ano das aulas do Xestal por traslado: María José Fandiño,

Carmen Gancedo, María José Ferreira, Alfonso Salgado e Verónica del Río,

orientadora. E tiven onte noticia, que me sorprendeu e me entristeceu un pouco, porque

realmente me dá pena que a xente marche, aínda que sexa o natural e necesario, e que é

a xubilación de Tita, unha gran persoa que aínda así non merece a discreción que a súa

humildade lle fai pedir. Pero non me vou parar aquí con todos eles, que moitas máis

palabras de agradecemento me merecen, das que podo poñer aquí.

A sentenza que en cuestión anunciaba di: et quasi cursores vitai lampada

tradunt, « e como corredores na vida pasan o facho », de man en man. Este facho da

cultura, que aos profesores lles pasaron, á súa vez, os seus educadores, é o que levan na

carreira da vida, avivando o lume coas súas propias virtudes e innovacións persoais,

para chegar a pasar ese mesmo facho, e co seu lume, que dá luz e calor, entregarlles aos

alumnos algo co que alumear o camiño da vida a través do cal están destinados a

percorrer a súa propia carreira, para seguir co relevo. E así, mirando ao lonxe, a paisaxe

será fermosa ao ver como escintilan os fachos dos alumnos que corren cara aos seus

horizontes, sabendo que esforzarse, e chegar cansos á meta, adquiren un gran sentido.

Nas aulas e nos corredores do colexio do Xestal puideron moitos pasar o seu

facho da cultura e do saber aos seus alumnos, nos que souberon fornecer valores, para

que cando estivesen correndo, tivesen a ben pararse cos caídos, prestarlles auxilio,

retomar a carreira con eles, sabendo gozar da compañía, compartindo luz e calor.

É tanto, xa que logo, o que se conseguiu ao longo destes anos. Puiden intentar

facer unha relación condensada de tódalas actividades que ao longo dos anos se foron

realizando, sinalar quen foron os que as organizaron, facer unha valoración das mesmas;

puiden tamén intentar relacionar que profesores foron ocupando os diferentes cargos

directivos e organizativos deste colexio ao longo dos anos.

Page 7: Discurso 40 anos

7

E non me parecería mal que se fixera, se cadra ata nalgún momento do futuro me

propoño facelo eu mesmo, pero non foi ese o meu ánimo para o día de hoxe. Entendín

tamén que non se trataba de bombardear con datos e datas aquí ás persoas asistentes que

acoden coa súa mellor vontade. Pode que alguén o bote en falta, pero este tipo de

discurso foi o que finalmente mellor me pareceu para presentar aquí. Pedirei, outra vez

máis, desculpas para aqueles cuxas expectativas non lograse cumprir.

Como os galardóns que foi acumulando este centro son moitos, sinalarei dous: o

primeiro e de maior categoría, o primeiro Premio Nacional de Educación para o

Desenvolvemento « Vicente Ferrer », obtido pola posta en marcha do proxecto de

educación en valores Monferosolidario, consolidado xa en sinal de identidade deste

centro, coordinado por Yolanda Castro e Verónica Dopico, e que foron a recoller a

Madrid en setembro de 2009 Verónica e Míriam, directora, en representación do

Colexio. O segundo galardón dos referidos é o último da colección, e é o premio obtido

polos alumnos de Tecnoloxía e o profesor Manuel Sánchez que participaron nun

concurso de robótica celebrado na Coruña recentemente. Outros dos proxectos que

actualmente se desenvolven no centro son o de Somos paisaxe, somos vida, coordinado

pola directora Camino Pereiro, ou a recente iniciativa Soño rural que promove a

profesora Carmen Espiñeira en 6º. de Primaria.

Se me parase en destacar a importancia de cada un destes proxectos, non

remataría. Ademais do intenso labor de educar e de dinamizar a vida escolar, nos

últimos anos melloráronse moito as instalacións do centro, como calquera pode

observar, e ademais viuse beneficiado da dotación de recursos materiais. Con todo isto,

quixen facer unha observación que creo é máis obxectiva que subxectiva: este centro

presta servizos educativos de alta calidade, en excelentes condicións, e nun ambiente

que pouco se pode mellorar. Atractivos máis que suficientes como para atraer alumnado

ás súas aulas, para aumentar a matrícula.

E enlazando co anterior, fago aquí tamén unha apelación ás autoridades

presentes, que, como representantes da Administración pública, teñen nas súas mans a

gran responsabilidade de xestionar eficazmente os recursos que destina o Estado para

prestar un servizo de tal transcendencia para o benestar social e a desexada prosperidade

da sociedade, como é a educación.

Page 8: Discurso 40 anos

8

No exercicio desas tarefas de xestión de recursos, deben ser especialmente

sensibles aos cambiantes contextos onde se presta este servizo, para poder, dunha

análise que teña en conta múltiples aspectos sobre a poboación e as necesidades

educativas que presenta, poidan achar a maneira máis eficaz de optimizar recursos,

garantindo a continuidade de empresas educativas como esta da que todos os presentes

formamos parte, uns, como quen lles fala, beneficiarios, e outros, coma moitos dos

presentes e coma vostedes mesmos, responsables de proporcionar este enorme beneficio

que é recibir unha boa educación.

E quero rematar, a pesar de saber que me quedaron moitas cousas por dicir,

facendo algo que é común en moitos actos, e que penso que é realmente necesario.

Trátase da lembranza dos que xa non están, dos que se foron e non se soubo máis deles,

e dos que morreron. Faleceron xa algúns profesores deste Colexio. A maioría, por

fortuna, están aínda vivos e moitos mostran unha vitalidade admirable, demostrando

como se debe asimilar o paso do tempo, mantendo un espírito novo e renovado sen

facer caso da idade. Pero foron moitos, demasiados, os alumnos que faleceron. E deles

sei que os seus compañeiros e profesores gardan un entrañable recordo e certa rabia

polo dura que se volve a vida nalgúns momentos. Propoño que a todos eles os

lembremos hoxe con cariño, facéndoos dalgún xeito tamén partícipes desta celebración.

Dito e repetido xa que moito me quedou por dicir, vou poñer agora punto final a

este insuficiente discurso pedíndolles encarecidamente que por favor aproveiten a

xornada de hoxe como ocasión para relembrar tempos pasados en agradable compañía e

que miren todos vostedes cara atrás no tempo non con melancolía ou nostalxia, senón

coa serenidade e a satisfacción que dan ao espírito a certeza dun camiño percorrido cun

traballo que deixamos feito, e a sorte de poder estar aínda en disposición de seguir

andando. MOITAS GRAZAS.